Sunday, March 11, 2018

A muller e o demo por Siro Lopez (in La Voz de Galicia)


Ante a manifestación feminista do pasado xoves, o bispo de Guipúzcoa, monseñor Munilla, comentou que «el feminismo radical tiene como víctima a la propia mujer y a la verdadera causa femenina. Es curioso cómo el demonio puede meter un gol desde las propias filas». Non aclarou se o gol meteuno o demo maior, o Satanás que tanto medo daba a Vicente Risco, ou un dos demos menores que tanto divertían a Cunqueiro. Na biografía que Risco fixo do Príncipe das Tebras di cousas arrepiantes que poñen os pelos de punta. Cunqueiro, pola contra, conta dos demos cousas divertidas e queda claro que non os temía e tiña trato con eles. Saber que palpebrexan de abaixo a arriba e falan castelán con acento de Toledo só pode descubrirse se hai certa intimidade. Os demos que andan facendo maldades polo mundo son, segundo Johannes Weyer, no século XVI, 44.435.556, pero o cardeal Ratzinger botou contas moito antes de ser papa e saíronlle algúns máis. Cunqueiro tiña relacionados 6.000, cos seus nomes e peculiaridades, pero todos eran dos que os nosos paisanos chaman con nomes paveros como Perete ou Perecho, ou burlentos como Suxo ou Rabudo. Os que os viron saben que «o demo sempre deixa o rabo de fóra», pero «non é tan feo como o pintan»; e os que os trataron saben que «se Deus é bo, o demo non é malo». Por iso o refrán aconsella: «Cando o demo veña á túa porta, non lla peches; entórnalla».
Tan cordial é a nosa relación con eles, que cando o historiador ferrolán Juan Burgoa estudaba o cruceiro do Toural en Vilaboa e comentou a fealdade do demo representado na pedra, un paisano recriminouno: «Teña un respecto, que o demo tamén é xente». Pero sospeito que o demo de quen fala monseñor Munilla non será un miñaxoia coma os nosos, senón o mesmísimo Lucifer, tentador de Eva no Paraíso. Ou polo menos un demo ruin como aquel do que conta San Xerome que tomou forma de arcebispo para tentar violar a unha dama da nobreza. A dama berrou e os criados entraron na alcoba, mallaron nel e escorrentárono a labazadas. Outros demos violadores tiveron máis éxito. O teólogo alemán Johannes Cochlaeus afirmaba que Lutero era fillo dun demo que violara á nai mentres se bañaba; e no século XVII multiplicáronse os casos de monxas posuídas por demos nos conventos. Monseñor Munilla debeu advertir ás mulleres españolas, sobre todo ás feministas, que farán ben en andar atentas co demo porque, segundo unha antiga tradición popular, o Anticristo será fillo de Luzbel e dunha muller e nacerá en España, concretamente á beira do río Teixo. Porén, a manifestación feminista estivo xustificada. É tal a discriminación por razón de sexo en España, que o paso procesional de Orihuela coñecido como La Diablesa, de finais do XVII, non pode entrar nas igrexas, con imaxes de demos-macho moitas delas. Algunhas en Galicia, ben xeitosas por certo.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?